OS FILLOS DA MEMORIA de Pablo Vila Alonso/ Comentario

Veño de rematar de ler un libro que me tivo engaiolada durante dúas tardes consecutivas. O seu propio autor, Pablo Vila, di que este libro nin é un conto, nin unha historia, nin unha lenda, nin unha novela. Eu teño que darlle a razón, é poesía pura. Non en van o seu autor é poeta, ademáis de músico, e iso é algo que lle presta ó libro outra ollada sobre as cousas que conta, outro ritmo. É un canto á terra dos feitizos, da lembranza das orixes. Nunha primeira lectura un pode pensar que é unha historia que se conta a través da vida dunha familia, e aínda máis, a través dos ollos dos catro irmáns que forman parte dela. O paso pola historia dun anaco de terra, da serra do Galleiro e o Salgueirón, serve para toda a terra galega, pois é a terra nosa a que está presente en todo momento, con elementos tan importantes coma o propio lar, que sempre é todo un mundo de acontecementos.
Os fillos da memoria transmitíronme moitas emocións e sensacións. As descripcións pormenorizadas fan deste libro un cadro. Podería, mesmo ousaría, dicir que Os fillos da memoria é un libro moi artístico en todo o amplo concepto da palabra. A súa harmonía é tal que todo nel pode verse na mente a través da súa lectura, coa musicalidade terreal que lle presta cada ambiente que describe, mesmo os aromas da herba mollada, ou do mofo, ou da cociña onde Aurora e Arxentina trafegan, ou do leite, dos bosques e da paisaxe toda.
Pablo Vila fainos percorrer territorios de inxustiza, de maltrato, de amor familiar, de trastadas de inocencia infantil, de morte, de fuxidos no monte… É un autor omniscente cuxo saber se vai pousando en cada unha das persoas-personaxes deste libro co seu nome e a súa historia vital. Un libro que non conta ningunha historia porque é historia pura, a nosa historia galega, e o autor tivo a xenerosidade de mergullarnos nela dun xeito tenro.
Recoméndovos a súa lectura, dende as primeiras frases quedei presa dese sentir galego e xa non puiden deixar de lelo.
A miña noraboa máis fonda a Pablo por tan fermoso e agarimante libro.